GALICIA: Aberto o prazo para a inscrición de aspirantes de diversas categorías sanitarias para vinculacións temporais no SERGAS

RESOLUCIÓN DE 21 DE SETEMBRO DE 2012, DA DIRECCIÓN DE RECURSOS HUMANOS DO SERVIZO GALEGO DE SAÚDE, POLA QUE SE ABRE O PRAZO PARA INSCRICIÓN DE ASPIRANTES DE DIVERSAS CATEGORÍAS SANITARIAS PARA VINCULACIÓNS TEMPORAIS NO ÁMBITO DAS INSTITUCIÓNS SANITARIAS DO SERVIZO GALEGO DE SAÚDE E ENTIDADES ADSCRITAS Á CONSELLERÍA DE SANIDADE

_______________________________________________________________________________________________________________

 Formalízase o inicio do proceso de inscrición para as listaxes seguintes:

1. Farmacéutico/a de atención primaria.

2. Odontólogo/a.

3. Fisioterapeuta.

4. Enfermeiro/a especialista en enfermaría do traballo.

5. Enfermeiro/a especialista en saúde mental.

6. Terapeuta ocupacional.

7. Técnico/a superior en documentación sanitaria.

8. Técnico/a superior en dietética e nutrición.

9. Técnico/a en farmacia.

10. Técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría.

As persoas interesadas en formar parte das listas deberán inscribirse nos modelos formalizados de instancia e a través do currículo profesional habilitado electronicamente na páxina web do organismo www.sergas.es, no punto FIDES/Expedient-e, imprimir o formulario en papel e formalizar o rexistro administrativo.

Na inscrición farase constar expresamente a/s categoría/s á/ás que opta e ámbito territorial de dispoñibilidade e demais declaracións que constan no modelo de inscrición.

As listas xeraranse coas persoas inscritas ata o 31 de outubro de 2012. Os méritos que serán tidos en conta nesta primeira xeración de listas serán os causados ata o día 16 de outubro de 2012 coa puntuación e número de orde que resulte da aplicación dos baremos OPE 2008/2009 e daqueles que se determinan para as categorías estatutarias non incluídos na referenciada oferta pública e que figuran na páxina web do organismo: www.sergas.es.

INSTANCIAS:

A inscrición resulta obrigatoria para todas as persoas interesadas en figurar nas listas que se elaboren por cada categoría das previstas no punto anterior, debendo presentar unha solicitude por cada categoría na que desexe inscribirse. Unha vez confirmada a inscrición electronicamente no formulario de solicitude, non poderá modificarse. O formulario confirmado debe imprimirse e presentarse nos rexistros administrativos.

A solicitude formalizarase nos modelos normalizados de instancia e a través do currículo profesional habilitado electronicamente na páxina web do organismo www.sergas.es, no punto correspondente do FIDES/Expedient-e, no punto procesos.

Na inscrición farase constar expresamente a/s categoría/s á/ás que opta e ámbito territorial de dispoñibilidade e demais declaracións que constan no modelo relacionadas cos requisitos de admisión.

Cada solicitude referirase a unha única categoría e a un único ámbito territorial.

As solicitudes en papel, que resultan da impresión da inscrición automatizada, poderán presentarse nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia, nos rexistros das direccións provinciais do Servizo Galego de Saúde e nos rexistros dos centros hospitalarios e das xerencias de atención primaria do Servizo Galego de Saúde, e nas xerencias de Área de Xestión Integrada, de ser o caso, así como nos órganos e nas condicións a que se refire o artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e dirixiranse a unha unidade de validación das relacionadas no propio formulario electrónico de solicitude de inscrición. Recoméndase remitir a inscrición á mesma unidade onde xa consta o resto de documentación de méritos, de ser o caso.

A inscrición electrónica, unha vez xerada, non será modificable. De haber diferenzas entre os datos rexistrados electronicamente e os rexistrados administrativamente en papel terán validez estes últimos sobre os primeiros.

 PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES: DESDE O DÍA 1 DE OUTUBRO AO 31 DE OUTUBRO DE 2012

Para máis información, consulta o seguinte enlace: Listas contratación