GALICIA: Publicado o acordo sobre xestión das listaxes de vinculacións temporal de curta duración nas categorías de: Enfermeiro/a, TCAE, Celador/a e Pinche para o SERGAS.

RESOLUCIÓN DO 10 DE MAIO DE 2012, DA DIRECCIÓN DE RECURSOS HUMANOS, POLA QUE SE PUBLICA O ACORDO SOBRE XESTIÓN DAS LISTAXES DE VINCULACIÓNS TEMPORAIS DE CURTA DURACIÓN NAS INSTITUCIÓNS SANITARIAS DESTE ORGANISMO (Publicado no DOGA nº 102 do 30 de maio de 2012)

______________________________________________________________________________________________________________

O pacto sobre selección de persoal estatutario temporal no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade (DOG n.º 89, do 9 de maio de 2011) prevé, no seu punto II.8, os nomeamentos de curta duración que se realizarán, con obxecto de daren cobertura ás necesidades de persoal estatutario producidas como consecuencia de ausencias de carácter urxente e non programado, de duración non superior a 4 días.

As categorías en que se oferta a posibilidade de vinculacións de curta duración son as que figuran no propio pacto: Enfermeiro/a, TCAE, Celador/a, Pinche, sen prexuízo doutras que, nun momento posterior, poida acordar a comisión central de seguimento do pacto.

De conformidade co disposto no pacto sobre selección temporal, as listas elaboraranse por centro ou complexo, agás na categoría de enfermeiro/a. Nesta última categoría, confeccionaranse dúas listas por área sanitaria e, se é o caso, zonificación, para a prestación de servizos, respectivamente, nos centros de atención primaria e especializada comprendidos no citado ámbito territorial.

As persoas interesadas na formalización de tales nomeamentos deberán facelo constar na respectiva solicitude de inscrición, indicando o ámbito de prestación de servizos polo que optan. Cada persoa aspirante só poderá inscribirse nunha lista de curta duración por categoría/área.

Para máis información, consulta o seguinte enlace: Acordo listaxes vinculacións temporais